Thursday 28 de March de 2024

A XXXV Marcha Popular do Barbanza terá lugar no 8 de maio


O miradoiro da Curotiña converterase no 8 de maio en punto de partida da XXXV Marcha Popular do Barbanza que discorrerá ao longo de 19 quilómetros por distintas paisaxes da serra ata concluír nos castros de Baroña. A hora de saída prevista establécese nas 10.15 horas e a de meta nas 18.30 horas, con parada para o xantar. Ademais, habilítase un autobús para o traslado das persoas participantes, tanto para a ida coma para a volta. Establécese como lugar de encontro o aparcadoiro situado fronte á praza de abastos, ás 09.45 horas.

Trátase dunha cita deportiva que organiza a Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza coa colaboración da Protección Civil pobrense.

A inscrición é de balde e pode formalizarse ata as 14.30 horas do 5 de maio nas oficinas dos Deportes do Concello, situadas na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, dende as 09.30 ata as 14.30 horas, ou mediante os teléfonos de contacto 981832590, 981831545 e 619229946.